Dante Alighieri - La Divina Commedia - Inferno - Canto 01
Darió Xohán Cabana - Divina Comedia - Infierno - Canto 01

No medio do camiño desta vida
vinme por unha selva tan escura
que a recta vía estaba confundida.

¡Ai canto de explicaré cousa dura
esta selva selvaxe, áspera e forte
que renova cos lembros a pavura!

Tan amarga é que pouco é máis a morte;
mais por tratar do ben que alí encontrei,
convén que novas do demais aporte.

Eu non sei contar ben como alí entrei,
tanto sono me enchía no conxeito
que a verdadeira via abandonei.

Mais en chegando ó pe dun monte ergueito
onde se remataba xa aquel val
que de pavura me ferira o peito,

ollei pra riba e vin o seu cumial
vestido xa cos raios do planeta
que rectamente guía en toda cal.

Calmouse entonces a pavura inquieta
que na angustiosa noite que eu sufrira
no corazón estivo recolecta.

E como aquel que con afán respira,
saído xa do pélago prá riba,
se volve à iauga perigosa e mira,

a miña ialma, ainda fuxitiva,
volveuse atrás pra ver de novo o paso
que non deixou xamais persoa viva.

Desque aliviei un pouco o corpo laso,
botei a andar pola deserta encosta,
máis firme o pe que tiña máis no raso.

E velaí, case ó empeza-la costa,
que unha pantera presta e áxil vin,
de maculado pelo a pel composta;

e non daba saído de ante min:
coutaba o paso meu tan de contino
que pra tornar ben veces me volvín.

Era o primeiro tempo matutino,
e o sol xurdía cabo das estrelas
que onda el estaban cando o amor divino

moveu primeiro aquelas cousas belas;
así pra esperar ben era razón
da fera de pel gaia o estar naquelas

horas do día e prácida estación;
mais non pra que pavura non me dese
a imaxe que vin logo dun león.

Contra min parecia que viñese
coa testa ergueita e fame tan doente
que parecía que o aire lle temese.

E unha loba que o fraque continente
de toda cupidez mostraba encher
e lle deu amargura a moita xente,

esta tanto me fixo esmorecer
co pavor que a súa vista me infundia
que perdín a esperanza de ascender.

Cal a persoa que gañar ansía
se o tempo de perder chega a alcanzala,
que en pensamento chora e se agonía;

tal me volveu a ansiosa besta mala
que, víndoseme en contra, pouco a pouco
me arrepuxaba ó sitio onde o sol cala.

Mentres eu me abatía pró cavouco,
foi un ante os meus ollos descuberto
que por longo silencio coidei rouco.

En canto vin a aquel no gran deserto,
«Miserere de min», exclamei eu,
«sexas que sexas, sombra ou home certo».

«Non home, home fun antes», respondeu,
e ser foron lombardos os meus pais,
que tiveron en Mantua o berce seu.

Nací sub Iulio, anque eu tardei de máis;
vivín en Roma baixo o bon Augusto
cando os deuses falsarios e irreais.

Poeta fun, cantei ó lor do xusto
fillo de Anquises que se veu de Troia
cando o soberbo Ilión quedou combusto.

¿Mais por que volves a onde a dor arroia?
¿Por que non sóbe-lo gozoso monte
onde todo pracer nace e se apoia?»

«¿Logo es aquel Virxilio, aquela fonte
que expandes de falar tan ancho frume?»,
repúxenlle eu con vergoñosa fronte.

«Ouh dos outros poetas honra e lume,
vállame o longo estudio, o grande amor
que me fixo esculca-lo teu volume.

E-lo mestre de meu e o meu autor;
Es ti, non outro, aquel por quen me arreo
co belo estilo que me fixo honor.

Mira prá besta pola que eu me aceo:
famoso sabio, préstame coraxe,
que esta os meus pulsos fai tremer a reo».

«Convirache seguir outra viaxe»,
repúxome el ó verme lagrimar,
«pra te librar deste lugar selvaxe;

porque esta besta que che fai chorar
non deixa ós máis cruza-la senda súa,
senón que llela estorba ata os matar;

e ten natura tan malvada e crúa,
que nunca sacia a gana devecida,
e despois de comer, de fame brúa.

Son moitos animais os que marida,
e han de ser máis aínda ata que alá
chegue o Lebrel que a matará dorida.

Este ouro e terras non cobizará,
senón sapiencia, amor e mais virtude,
e entre feltro e mais feltro nacerá.

Daquela humilde Italia ha ser saúde
por quen morreron Turno e mais Camila
e Euríalo e mais Niso en loita rude.

Este vaina cazar por toda vila
deica mandala novamente ó inferno
de onde a envexa primeiro ousou remila.

Pénsoche, pois, que pró teu bo goberno
debes seguirme, e eu heite ir guiando
pra te sacar de aqui por sitio eterno,

no que has de oír sen esperanza oulando
os antigos espíritos doentes
que por segunda morte están bradando,

e has de ver a aqueloutros que contentes
están no fogo, porque esperan ir
un día ó lado das beatas xentes.

Ás que se logo queres ti subir,
alma haberá máis digna pra esa cura;
con ela te hei deixar cando eu partir;

que o emperador que reina alá na altura,
como eu suxeito da súa lei non era,
dentro da súa cidade non me atura.

Goberna ali, se en toda parte impera;
cidade e trono quixo ali dispor:
¡ouh, que é feliz se o elixe ali calquera!».

E eu a el: «Poeta, prego por amor
do Deus do cal ti novas non tiveches,
pra que eu fuxa este mal e o seu peor,

que ti me leves a onde me dixeches:
que a porta de san Pedro poida eu ver,
e aqueles que tan tristes me fixeches".

E eu fun tras del en canto o vin mover.

list operone